Xustificación

A experiencia demostrounos que resulta imprescindíbel a cooperación entre áreas que realizan un traballo inicialmente similar sobre obxectos (linguas) diferentes. A lingua, como obxecto de estudo, amosa unha grande variedade de facetas e ámbitos, polo que un máster ambicioso debe aspirar a preparar nas diferentes técnicas de investigación que se precisan para abarcar a diversidade de puntos de vista, compoñentes, concepcións teóricas, etc. existentes no eido da lingüística. A cooperación entre diferentes seccións de lingüística dos departamentos permite:

  1. Enfocar problemas análogos dende ángulos metodolóxicos diferentes (enfoque funcional / xenerativo / cognitivo, etc.);
  2. Emprender estudos contrastivos ou comparativos;
  3. Asegurar a formación dos alumnos en ámbitos alleos á actividade de cada grupo de investigación, pero beneficiosos para unha preparación de posgrao;
  4. Diversificar a oferta (lingüística teórica / descritiva / aplicada) para incentivar a participación de alumnos con intereses variados;
  5. Manter un núclo estábel de cursos para garantir a formación básica e completalo con cursos máis abertos a novas tendencias teóricas e mesmo tecnolóxicas.

Un programa aberto, tanto en cursos coma en liñas de investigación como o que propoñemos, garante unha formación clásica en teoría gramatical e lingüística descritiva, que seguimos a considerar precisa para desenvolver actividades intelectivas fundamentais, como son a formulación de argumentos consistentes, debate de propostas antagónicas, achega de probas ou datos para verificar as hipóteses, etc. e, ao mesmo tempo, ofrece complementos en áreas interrelacionadas, como a psicolingüística, a lingüística aplicada ao ensino de linguas, á tradución, ao estudo dos trastornos da linguaxe, etc. En relación cos seus obxectivos, o programa ofrece as seguintes vantaxes:

  1. Consolida a formación básica en áreas gramaticais para os alumnos máis motivados por comprender os razoamentos lóxicos, filosóficos e lingüísticos;
  2. Incentiva a participación de alumnos que queren traballar en lingüística clínica, psicolingüística, trastornos da linguaxe e as súas terapias;
  3. Ao conxugar diversas áreas de coñecemento, como español, lingüística xeral, alemán, francés, italiano, latín e grego, indoeuropeo, pode motivar o interese de alumnos estranxeiros, sobre todo latinoamericanos e da Europa do Leste.

Comprobamos que a denominación Máster en Estudos lingüísticos (ou o seu equivalente Máster en Lingüística) está incluída na oferta de posgrao de prestixiosas universidades europeas e americanas. Baixo esta etiqueta xenérica, cada universidade selecciona un subconxunto de áreas de traballo, en función da especialización do seu profesorado. Esta selección coincide co que se adoita denominar 'foco académico' (academic focus). Os módulos de especialidade varían dun máster a outro e denomínanse rutas ou especializacións (pathways, parcours, areas of specialisation, spécialisation, concentrations, etc.). Os programas presentan, na súa maioría, unha orientación investigadora, pero contemplan a posibilidade de que non todos os alumnos se integren en programas de doutoramento. Unha vez obtido o título de MA (Master of Arts) ou Master's Degree in Linguistics, estes programas adoitan dar acceso a un Ph.D (Doctor of Philosophy) in Linguistics.

Última modificación: Mércores, 14 de Abril de 2010
© Universidade de Santiago de Compostela