Traballo de fin de Máster

O traballo de fin de máster supón a realización por parte do estudante dunha memoria ou estudo no que desenvolva os coñecementos adquiridos no máster e aplique as competencias acadadas. O traballo permitirá a avaliación global de coñecementos e competencias que teñan vencellos co programa de estudos.
O traballo consistirá nun ensaio de entre 10000 e 12000 palabras que demostre a capacidade do estudante para realizar análises e descricións lingüísticas. Aínda que este ensaio non posúe os requirimentos de orixinalidade recomendábeis nunha tese de doutoramento, agárdase que represente unha contribución persoal no campo da lingüística. O resultado deste traballo permitirá ao estudante decidir se desexa prolongar a ruta investigadora cunha tese de doutoramento e integrarse nun programa de doutoramento específico.

O traballo debe recoller as diferentes etapas do proceso investigador, polo que resulta imprescindíbel que conteña apartados referidos a aspectos coma os seguintes: a) introdución; b) revisión bibliográfica; c) métodos; d) resultados; e) discusión; f) conclusións.

Titorización e dirección

O traballo deberá ser realizado individualmente por cada alumno, baixo a dirección e supervisión dun titor ou director, que será membro do equipo docente do máster. O tema de traballo deberá ter vencellos con algunha das liñas de investigación dos docentes do máster e deberá ser comunicado á Comisión académica antes do 1 de maio de cada curso, indicando en cada caso a liña de investigación á que se liga.

Dos 12 créditos destinados a este traballo, considérase necesario que 3 sexan asignados a traballos de preparación, discusión teórica e metodolóxica, revisión de guións, borradores, etc. entre o estudante e o titor (15 horas de traballo presencial e 60 destinadas á revisión por parte do titor do traballo analítico, dos borradores e do texto final).

Avaliación

O traballo só será avaliado cando se teña constancia de que o alumno superou as avaliacións previstas nas materias restantes do máster e dispón de todos os créditos necesarios para a obtención do título de máster, agás os correspondentes ao propio traballo.

Máis información

Pode obter máis información sobre este traballo na Normativa sobre os Traballos de fin de Máster da Universidade de Santiago.

Última modificación: Mércores, 14 de Abril de 2010
© Universidade de Santiago de Compostela