Actividades e métodos de traballo

Actividades

Para favorecer a coherencia deste máster, a Comisión académica decidiu que, como norma xeral, as actividades académicas de cada curso teñan a seguinte distribución: unha materia de 6 créditos comprende, neste máster, 150 horas de traballo do alumno das que 30 se corresponden con traballo presencial na aula e 120 a traballo persoal. Estas cifras calcuráronse tendo en conta os seguintes factores: a) que se trata dun máster con perfil investigador; b) que convén reducir o peso da clase maxistral a medida que se ascende no proceso formativo; c) que resulta decisivo o traballo autónomo do alumno se se desexa acadar resultados óptimos nos traballos de fin de máster.

A redución do traballo presencial na aula (5 horas semanais por crédito) non supón redución do traballo do profesor e alumno: a) o docente ten a obriga de deseñar o seminario con máis precisión, preparar cuestionarios de lectura e orientacións metodolóxicas precisas, coordinar os debates, corrixir os traballos breves, reseñas ou presentacións que fagan os alumnos na clase; b) o discente deberá ler as lecturas e responder aos cuestionarios, probas, exercizos, e estará obrigado a realizar breves reseñas ou presentacións orais das lecturas, etc.

Métodos

Metodología científica

Un obxectivo fundamental do máster é proporcionar unha orientación metodolóxica sólida, mais non ríxida. O programa presenta unha forte compoñente funcional, tanto en presentacións xerais como en desenvolvementos prácticos en sintaxe, morfoloxía, semántica, así coma naqueles estudos onde é obrigada a aproximación social (discurso, estudos de variación). Esta orientación funcional é patente en cursos de tódalas áreas, o que non impide a diversidade de escolas funcionais (funcionalismo derivado do estruturalismo europeo, gramática sistémica, funcionalismo holandés, escolas americanas, etc.). Tamén están presentes alternativas metodolóxicas, algunhas non contraditorias (gramática de valencias, gramática cognitiva, etc.) e outras de carácter máis formal.

Metodología didáctica

Todos os profesores son conscientes da necesidade de estimular a comprensión activa e de evitar que a presentación das cuestións sexa aceptada acríticamente. Por este motivo téntase estimular os alumnos para que expresen os seus acordos ou desacordos cos argumentos empregados. En todos os cursos establécese unha diferenciación entre:

  1. Actividades non presenciais: destinadas á lectura das publicacións (artigos, capítulos de libros...) seleccionadas polo profesor; nalgúns casos esas lecturas van acompañadas de cuestionarios con preguntas ou guías de lectura para facilitar a comprensión e permitir a elaboración de reseñas críticas;
  2. Docencia presencial: destinada á presentación por parte do profesor das liñas xerais do curso e sesións de discusión, baseadas en lecturas que inciten á reflexión e á argumentación. O horario presencial serve tamén para instruír o alumno na consulta de bases de datos, corpus, dicionarios impresos ou electrónicos, programas informáticos de utilidade en lingüística, etc.
Última modificación: Domingo, 3 de Xullo de 2011
© Universidade de Santiago de Compostela